Instalación de aplicacións en Ubuntu

    Instalar aplicacións en Ubuntu é, a día de hoxe, unha tarefa bastante sinxela. Incluso poderíase dicir que é un proceso máis sinxelo que nos sistemas Windows.

    Antes de nada, é boa idea repasar un par de conceptos relativos á instalación de aplicacións en sistemas como Ubuntu:

  • Por un lado, temos os chamados paquetes. Un paquete é realmente un arquivo comprimido que contén todos os arquivos que forman parte dun programa. Contén, ademais, toda a información necesaria para saber como hai que instalar ese programa, en que menú ten que aparecer, … Hai varios formatos de paquetes para os diferentes sistemas GNU/Linux que se diferencian: os máis coñecidos son os paquetes .rpm e os paquetes .deb. O importante é saber que tipo de paquetes usa o noso sitema GNU/Linux. No caso de Ubuntu, os paquetes que usa para instalar software son os .deb.
  • Por outra banda, hai que falar tamén dos repositorios. Os repositorios son basicamente servidores que están na Internet e que conteñen paquetes que podemos instalar no noso sistema. É dicir, son algo así como almacéns de software. O uso destes almacéns facilita enormemente a instalación dos programas xa que soamente é preciso saber onde están eses respositorios e o sistema xa se encarga de acceder a eles e averiguar que software teñen dispoñible para ser instalado. Todo, ademais, de xeito totalmente transparante para o usuario.

    Unha vez sabido o anterior, imos ver como se fai a instalación de aplicacións en Ubuntu. A ferramenta básica é o Centro de software de Ubuntu. Podemos abrilo premendo sobre a súa icona da barra Aplicaciones. 

Na parte superior dereita hai un pequeno recadro onde podemos escribir o nome do programa que queremos instalar. No caso de atopalo, amosarase na parte inferior. Por exemplo, se queremos instalar o programa de matemáticas chamado Dr. Geo, escribimos ese nome no recadro superior e veremos como o programa aparecerá na parte inferior da ventá. Agora, para instalalo, tan só hai que premer no botón Instalar e o sistema encargarase de descargar o programa, instalalo e engadilo no menú correspondente (neste caso en Aplicaciones – Educación), todo sen intervención do usuario. O único que nos solicitará é o contrasinal dun usuario con privilexios de administrador.

A desinstalación dunha aplicación faríase do mesmo xeito, é dicir, usando tamén o Centro de software de Ubuntu e escribindo o nome do programa que queremos desinstalar ou ben seleccionalo na lista que aparecerá cando no Centro de software de Ubuntu prememos na parte esquerda sobre a opción Software instalado. Agora xa non haberá o botón de Instalar senón o de Desinstalar.